O Palacio Municipal acolleu hoxe a presentación oficial da 57ª edición do Rallye de Ferrol, proba puntuable para o Campionato Xunta de Galicia de Ralis, que se disputará os próximos 21 e 22 de agosto.
O acto institucional estivo presidido polo alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, e o presidente da Escudería A. Ferrol, Germán Castrillón Permuy. Estiveron acompañados por diversas autoridades, representantes dos concellos implicados, patrocinadores e as forzas de seguridade, co obxectivo de escenificar o esforzo conxunto e o amplo dispositivo de coordinación que velará polo éxito e a máxima seguridade do evento.
Durante a presentación, destacouse o excelente estado da proba, que contará con 105 equipos rexistrados, reunindo ás principais espadas e aspirantes ao título para garantir un nivel competitivo inmellorable. O percorrido deste ano, dividido en dúas etapas, recupera tramos moi atractivos como o de Ría de Ferrol, introduce variacións técnicas. Desde a organización e as institucións fíxose un chamamento unánime á afección para desfrutar desta festa do automobilismo desde o máximo respecto ás normas de circulación e ás indicacións de seguridade.
