Primeiras sensacións cos tramos de Ferrolterra antes do inicio -o de verdade e contra o crono- da 54 edición do Rallye de Ferrol. O shakedown disputouse sen maiores contratempos e cos equipos probando solucións para un rallye que, en principio, conta con previsións favorables no meteorolóxico, logo dunha xornada de onte venres na que a choiva fixo acto de presenza na comunidade galega.
Apenas cabe destacar entre os equipos de cabeza un peón con toque incluído para Joan Vinyes e Jordi Mercader. Traballo extra para a súa asistencia antes da saída no podio da céntrica Avenida de Esteiro, en Ferrol. A cerimonia será a partir das 17:00 horas, antes de afrontar o primeiro bucle aos dous tramos previstos para esta primeira etapa: San Sadurniño – As Somozas e As Somozas – As Somozas.
A atención ata esa hora centrarase no parque de asistencias que, de novo nesta edición, regresa ao recinto feiral FIMO. Alí congréganse o case noventa equipos rexistrados que afrontarán os algo máis de cen quilómetros cronometrados desta edición do Rallye de Ferrol.
A primeira etapa completarase cunha nova pasada ás especiais de San Sadurniño e As Somozas, antes de que o primeiro participante chegue ao parque pechado no porto de Ferrol ás 23:00 horas.