Conscientes de que a vitoria se vai a vender moi cara coa presenza dos pluricampeóns galegos Victor Senra e David Vázquez, quizais moitos equipos de cabeza marcáronse desde o principio outros obxectivos ou pelexas particulares dentro desta edición do Rallye de Ferrol, puntuable para o Campionato Galego de Rallyes. O certo é que a primeira sección deixou claro que Senra vén a por todas, independentemente de quen teña ou non de rival, marcando o ritmo nas primeiras pasaxes por San Sadurniño – As Somozas (19,880 km) e As Somozas – As Somozas (10,610 km); tramos que, dependendo da perspectiva de cada equipo, estaban máis ou menos complicados, pero si con algunhas humidades no seu trazado.
De calquera xeito, un bo colchón separa a Senra do resto de rivais despois dos 30 km cronometrados da primeira sección. Máis dun minuto e dez segundos sobre Roberto Blach, aquí aos mandos dun Ford Festa Rally3 como o que emprega esta tempada no WRC Junior, ou 1:40 se a referencia é Antón Pérez Orozco, de novo subido nun Skoda Fabia R5; o mesmo de Álvaro Muñiz na Copa de España de Rallyes.
E é que a cruz neste arranque de carreira foi para Joan Vinyes e Jordi Mercader. Logo do contratempo sufrido no shakedown, o andorrano quedaba sen potencia no seu Hyundai i20 Rally2 despois de soltarse un manguito do intercooler. Tentárono conectar, pero volvía soltarse ao paso pola especial das Somozas, deixándose xa máis de 6 minutos co líder da carreira.
Dani Berdomás, moi xusto de freos desde o primeiro tramo, ocupa a cuarta posición por diante de Dario Calviño e dos equipos que encabezan a Clio Trophy Galicia; copa esta en a que o ourensán Diego Félix, o líder provisional ata esta proba, comezaba mandando pero que se topaba coa mala sorte dunha saída de estrada ao paso polas Somozas. Así as cousas, e tras un gran crono neste último tramo, Gabriel Rodríguez e Álvaro Cerqueiras encabezan a clasificación nesta copa, adiantando tamén na mesma a Joaquin Rasilla, quen se lamentaba no arranque da carreira dunha elección de pneumáticos non do todo óptima para o estado dos tramos.
Entre medias de todos estes equipos, Pablo Rey e Luís Hernández, no seu primeiro rallye cun Sizuki Swift R4llyS son sextos, Antonio Fernández Valcárcel é sétimo, mentres que o BMW de Vicente Cabarcos ocupa a novena praza.